Thursday 02 de May de 2024

O Concello lembra a Xaime Cabanas no seu décimo cabodano cunha gran exposición e diversas actividades paralelas


A mostra, distribuída entre o Quisco Alfonso e Palexco, resalta a figura do pintor coruñés como referencia da vangarda cultural galega

Inés Rey considera un acto de xustiza a reivindicación de Cabanas, o pintor solitario plenamente identificado coa Coruña

Máis de 200 obras, 90 delas de gran formato, conforman unha das grandes citas culturais deste ano na Coruña

Entre as actividades complementarias figuran visitas guiadas á exposición, obradoiros en familia e programas educativos para escolares

O Concello da Coruña renderalle homenaxe á figura de Xaime Cabanas cunha gran exposición distribuída no Quisco Alfonso e Palexco, e diversas actividades paralelas, coincidindo co décimo aniversario do seu falecemento.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quixo reivindicar a figura do pintor coruñés, un dos principais referentes da vangarda cultural galega. A mostra, dixo a rexedeora, supón “un acto de xustiza” co artista.

Inés Rey lembrou a vinculación de Cabanas coa súa cidade, á que permaneceu sempre vencellado e que plasmou nas súas obras, como as coñecidas “Orzanas” ou nos paisaxes de Santo Amaro, Campo de Marte e a Torre de Hércules, entre outros espazos.

A alcaldesa considera que a exposición representa unha excelente oportunidade para reivindicar a figura do artista -ao que situou como referencia da plástica coruñesa e galega ao nivel de pintores como Lugrís- , e tamén para dalo a coñecer a unhas xeracións que non tiveron ocasión de gozar do seu traballo, xa que a última exposición de Cabanas na Coruña data de 2001.

A exposición promovida polo Concello desenvólvese coincidindo co décimo aniversario do repentino falecemento de Cabanas,e cando debería ter cumprido 70 anos de idade e 22 anos despois da súa última mostra na súa cidade. Neste sentido, Inés Rey subliñou que o pintor coruñés sempre entendeu a cultura como un valor de cohesión social, fundamentalmente a través da súa ligazón coa Coruña e coa súa predilección polo cotián, que reinterpretaba cunha visión moi persoal, cargada en moitas ocasións de reflexións sobre a vida e a arte.

“Autodidacta, irreverente, mordaz, bohemio, universal, libre. Todo iso era Xaime Cabanas, pero eu só diría que era de Monte Alto”, resumiu a alcaldesa para referirse ao artista, un dos principais protagonistas da renovación das artes plásticas en Galicia, para engadir que “falar de Cabanas é falar dos principais grupos artísticos e intelectuais galegos, como Sisga, A Carón, Galga, Atlántica, GrupOrzán, pero tamén é falar de Monte Alto, de Santo Amaro, do Orzán, da noite coruñesa, do Patacón, do Taller, do Bravú, do Dépor; porque falar de Cabanas é falar da Coruña”.

Comisariada por Carlos Pita e Perico Vasco, “MMXXIII Cabanas” é unha das grandes exposicións deste ano na Coruña. O corpus de obra está formado por cesións de obra pictórica de gran formato procedente das máis importantes coleccións privadas e públicas e principalmente do legado familiar. Son aproximadamente noventa obras de gran formato, aínda que a mostra lle dedica especial importancia tamén aos numerosos bosquexos e pequena obra en papel que figura en arquivos particulares e na súa propia familia, xa que se poden contemplar un total de 124 destas pequenas pezas.

Inegrada na mostra hai unha exposición fotográfica sobre Cabanas onde se pode ver o seu estudo e como o retrataron os fotógrafos Juan Rodríguez, Xoan Piñón, Xurxo Lobato e Vari Caramés.

Tamén hai previstas varias actividades complementarias. Así, hai programadas seis visitas guiadas á exposición, ás 19.00 horas dos sábados 11, 18 e 25 de febreiro, e 4, 11 e 18 de marzo, partindo do Quiosco Alfonso e con 25 prazas ata completar capacidade, sen inscrición previa. Ademais, haberá outras dez visitas para grupos concertados, en diferentes horarios de martes a venres, e con reservas a través do correo ludidactica@gmail.com

Os domingos 12, 19 e 26 de febreiro, ás 12.00 horas en Palexco, desenvolveranseobradoiros en familia, con previa reserva en ludidactica@gmail.com e con prazas limitadas, para abordar temáticas como as “Orzanas”, o uso da técnica fotográfica sen cámara de cianotipo sobre callaos ou a fabricación dunha propia masa cerámica con materais caseiros.

Por último, de martes a venres, ás 12.00, 13.00 ou 18.00 horas, desenvolverase un programa educativo para grupos de escolares de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e de Diversidade Funcional, denominado Criptotrazos, concebido como resposta a un proceso creativo de carácter evolutivo baseado en achados plásticos, formais e conceptuais derivados da obra de Xaime Cabanas, capaz de adaptarse con material específico aos diferentes grupos e idades, onde o compoñente lúdico é sempre protagonista. Para participar hai que reservar tamén no correo ludidactica@gmal.com.